Sunday 28 de April de 2024

O Pleno lousamiá aproba por unanimidade o Plan Económico Financeiro do Concello de Lousame 2020-2021


O Pleno municipal de Lousame aprobou na noite de onte xoves, en sesión extraordinaria, o Plan Económico Financeiro do Concello de Lousame 2020-2021. Un documento elaborado debido a que o Concello non cumpriu a regra do gasto na liquidación do orzamento de 2019.
Un incumprimento que o propio Plan Económico Financeiro xustifica en tres puntos: a execución dos proxectos de gasto financiados co préstamo provincial da Deputación, incluídos no POS e que supuxeron un aumento de máis de 230.000 euros no gasto; na elevada execución orzamentaria do exercicio 2019 en comparación cos exercicios precedentes, que ascendeu ao 78,21% e supuxo un aumento do gasto de máis de 131.000 euros); e a diminución do teito de gasto dende o 2016 ata o 2019.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que para a elaboración do Plan “se colleron datos a outubro de 2020 e unha proxección dos dous meses que faltan de 2020 para facer así unha prospección cara 2021 partindo deses datos”. Unha vez aprobado o Plan Económico Financeiro, o documento será remitido ao Ministerio de Facenda e publicado na páxina web e no BOP.